top of page

O ÓRGANO DO TEMPLO DA PARROQUIA DE SAN FRANCISCO DE ASÍS (PP. FRANCISCANOS). PATRIMONIO ORGANÍSTICO NA CIDADE DA CORUÑA.

Instituto de Estudos Coruñeses

José Cornide

A Coruña, 24 de abril de 2025


Sr. D. NS,

Párroco de San Francisco


O Instituto «José Cornide» de Estudos Coruñeses, consciente da importancia do patrimonio organístico da Coruña, elaborou o documento adxunto, baseado no informe que, sobre o estado destes instrumentos, se publica no último nº (6) da revista.

Este documento quere ser un apoio para que os responsables da custodia e conservación destes instrumentos se animen a solicitar —pola vía correspondente e ante as institucións pertinentes— as axudas necesarias para a conservación, uso e posta en valor deste patrimonio musical, na seguridade que contarán sempre co respaldo do Instituto «José Cornide».

MV.


O ÓRGANO DO TEMPLO DA PARROQUIA DE SAN FRANCISCO DE ASÍS (PP. FRANCISCANOS). PATRIMONIO ORGANÍSTICO NA CIDADE DA CORUÑA.


O Instituto José Cornide ten como obxectivos a investigación, o estudo e a divulgación da realidade sociocultural e científica da cidade da Coruña, da súa zona de influencia e de Galicia. Na súa sección de Patrimonio e Literatura, elaborou o presente informe, tras un meticuloso estudo e seguimento sobre o estado de conservación dos órganos locais, mediante o labor de Dona Margarita Viso, membro numerario do Instituto.


Consideracións xerais

Na cidade da Coruña hai 10 órganos que son, de por si, un patrimonio que obriga a deter e estudar o seu estado. Estes 10 instrumentos están na actualidade practicamente mudos por falta de uso. E, como sabemos, o principio da ruína dun instrumento musical é precisamente a súa falta de uso.

Sorprende que unha cidade que presume, non sen razón, de cidade filarmónica, a cultura musical referida a este instrumento é nula. Non hai concertos de órgano e só algúns destes instrumentos se utiliza na liturxia. Tampouco existe ensino regrado de órgano.


De entre eses 10 instrumentos hai cando menos 7 notábeis o que eleva considerablemente o valor do conxunto do patrimonio. De entre estes 7 hai 3 que están nun estado, senón óptimo, si aceptable en certa medida, o que permitiría o seu uso para unha primeira exhibición dirixida ao gran público para axudar a crear conciencia e rescatar do esquecemento colectivo deste importante patrimonio. Entre eles atópase o órgano de San Francisco de Asís.


Non é este o lugar para encarecer a longa historia do órgano como instrumento do que é fiel reflexo a ampla literatura escrita por grandes mestres que abarca como mínimo 6 séculos —período de tempo só superado pola literatura escrita para voz humana—. Tampouco me vou deter en remarcar a importancia dá achega ibérica o desenvolvemento do instrumento, pasándose a nomear órgano ibérico o propio e característico desta cultura, fito importantísimo na historia da evolución do instrumento. Nin vou remarcar a importancia que ten cada órgano individualmente como produto artesán que é, construído expresamente para o espazo arquitectónico que ocupa, o que fai de cada un deles un instrumento único.


Estudo e informe do órgano do templo da Parroquia de San Francisco de Asís

(Avenida Calvo Sotelo, 41. A Coruña)


I.- Características


No caso do órgano de San Francisco, as súas características son:


  • É un órgano alemán de carácter romántico.

  • Construído no 1938 por Eberhard Friedrich Walcker & Cie. sendo organeiro, Juan B. Braun.

  • A ficha do órgano, tomada a partir de: VALADO, Óscar; CAMPUZANO, Enrique e CELA, Manuel: El órgano en la Archidiócesis de Santiago. Departamento de Docencia de Música Sacra. Santiago de Compostela, 2017; e LABORA, Sergio: San Francisco de Asís. A Coruña, Galicia., e da observación directa.

  • 1995. Construído para a misión franciscana en Larache foi trasladado á Coruña por Luis Moreno Barbero que o adaptou ao novo emprazamento e lle engadiu algúns elementos. Así mesmo colocou a súa placa enriba dos manuais, o que pode facer pensar que o órgano é obra súa.

  • Este instrumento está proporcionado ao templo que o acolle. Dáse ademais a circunstancia que ambos, templo e órgano, foron construídos orixinariamente noutro emprazamento e posteriormente trasladados ao actual.

  • Se o órgano veu de Larache, o templo gótico que o alberga estaba orixinariamente extra-muros da cidade vella (ao carón da igrexa da Orde Terceira), sendo reconstruído, a partir das trasladadas ruínas, nas décadas dos 60 e 70 do pasado século.


Consta de dous corpos principais, situados a ambos os dous lados da ventá, e caderecta. Este órgano dispón de dúas consolas: A orixinal, no coro alto, situada entre os dous corpos principais do órgano e a caderecta, e a segunda, construída máis tarde, situada na nave. As dúas son iguais e funcionan.


Dous teclados manuais de 4 oitavas e media (do-sol) e 14 rexistros situados enriba dos manuais. Á esquerda os correspondentes ao principal: Quintaton 8, Principal 8, Frauta 8, Oitava 4, Trompeteria forte 8, Clairon 4. Á dereita os correspondentes ao manual 2: Flautino 2, Cheo 4-5, Aguda 1, Aguda 2-1, Liebl Gedeckt 8, Salicional 8, Principal 4, Vox humana 8. Diversas botonaduras de combinacións, anulador e tutti.


Pedaleira plana de dúas oitavas e media (do-fa). A rexistración da pedaleira situada tamén enriba do manual, en cor verde á esquerda: Subbajo 16, Baixo 8. 4 enganches: Trémolo, I-P, 2-P, 2-1, e dous pedais de expresión. Transmisión eléctrica de notas e rexistros. Como curiosidade, hai que dicir que neste templo, no pequeno pórtico de anxos músicos que se forma nun enterramento 2 da ábsida do evanxeo, existe a representación iconográfica dun órgano positivo, datada no século XIII, constituíndo a representación iconográfica máis antiga dun órgano na cidade.


II.- Historia

Tiven a gran sorte de poder entrevistarme co organista Alfredo Vega quen foi, ata hai dous anos, o organista desta igrexa. A entrevista realizouse o 10-IX-2024 en Noia, onde actualmente reside, introducida por Manuel Rico Verea. Alfredo Vega, alumno de Angel Brage, coñece a historia deste órgano e era o encargado del. Nos últimos anos, prevendo que no podería seguir tocando en breve, foi instruindo a Sergio Labora para que ou sucedera. Este, por razóns persoais de índole laboral, na actualidade non pode atender o órgano todo o que desexaría. Alfredo Vega relátame a historia do órgano. Como queda apuntado enriba, Luis María Moreno Barbero foi quen desmontou ou órgano en Larache, trouxo para A Coruña e montouno aquí.


O órgano está ben montado. Posteriormente a transmisión pneumática substituíuse pola transmisión eléctrica e o órgano mellorou moito xa que a resposta é rapidísima e evitáronse defectos mecánicos. No 2014 Alfredo Vega tiña xa problemas de mobilidade e subir ao coro, onde está o órgano, era xa moi difícil para el. Por ese motivo fixo construír, á súa conta, unha consola embaixo. A construcción desta consola retrasouse ata o 2016 xa que houbo que atender antes o órgano de San Francisco de Santiago.


O compositor franciscano Emilio Soto, quen estudara organería en Alemaña, foi quen fixo ou teclado de abaixo. A consola de embaixo fixoa Luis Mª Moreno Barbero baixo as disposicións de Alfredo Vega e ata onde deu ou orzamento (por exemplo, a pedaleira non se puido facer cóncava como el quería e fixose horizontal). A consola de embaixo tamén funciona con transmisión eléctrica, a resposta é tamén rápida pero non tanto como a da consola de arriba. As dúas consolas (a do coro e a de embaixo) funcionan.


Por último, Alfredo Vega constatoume que non covid o órgano estaba ben. Hai uns días enviáronlle un vídeo dunha interpretación nunha voda onde se aprecia que na actualidade está algo desafinado. Tamén apréciase que quen o toca non é organista senón pianista e non utiliza o órgano no máximo rendemento (faltan rexistracións e pedaleira) de tal maneira que non se pode apreciar plenamente o estado actual do órgano. Mostráme o vídeo onde se aprecia o dito.


III.- Valoración

Con Sergio Labora realicei visita a este órgano o 15-IX-2024. Recibíunos amablemente o párroco don Natalio. Como queda dito, o órgano está situado no coro alto e ten dúas consolas, unha no propio coro e outra embaixo na nave. Sergio Labora explicoume diversas cousas do órgano que actualizan o dito por Alfredo Vega. Puiden comprobar que o órgano parece estar nun estado excelente. O moble presenta moitas marcas de cara cubertas de verniz, como se nalgún momento lle fose tratado este problema. Examinado ou interior, a primeira ollada non parece haber rastro de caruncho nel.


Non apreciei fugas de vento na árca do vento. A desafinación é case imperceptíbel ou ben non probamos a totalidade dúas rexistros, non o podo precisar. Indicoume Sergio que os pedais de expresión da consola de embaixo non funcionan porque non se chegaron a instalar. Tamén me dixo que a resposta do instrumento desde a consola de embaixo non é exactamente igual que dende a consola superior xa que ou instrumento non dá a mesma potencia senón inferior. É moi rechamante na fachada deste órgano que os tubos visibles, tanto da cadereta como dos corpos principais non estean protexidos na parte superior polo moble. Visiblemente causa unha boa impresión estética pero existe o risco de que lles entre po ou algún elemento estraño. Ben é certo que os da cadereta son canos tapados e os dos corpos, varios son abertos e outros cóengos.


A impresión é que o órgano está en boas condicións en xeral. O día desta visita o tempo atmosférico era o propio dun día de verán. Tempo seco e ceo despexado. Isto puido contribuír moi favorablemente a que non manifestase o órgano ningún dos problemas que ás veces pode presentar (alguhna nota que queda, por exemplo) problemas que son atribuíbles sen dúbida á humidade. Este particular confirmouno Sergio ou 24-X-2024: ca chegada das choivas abondantes propias do outono, hai notas que quedan soando.


IV.- Conclusión

É un instrumento magnífico nun estado moi aceptable que, non obstante, precisa unha revisión para emendar vos defectos atopados. Pódese usar en liturxia e, de corrixir os problemas provocados pola humidade, tamén en concerto.


Por iso recomendamos:


1.- Que polos responsables do instrumento, co presente informe elaborado polo Instituto «José Cornide», se realicen as xestións necesarias coas institucións e organismos locais, provinciais, autonómicos ou nacionais, para conseguir o apoio económico necesario para a súa restauración, mediante a elaboración por especialista da descrición e valoración das reparacións que exixen a súa conservación como patrimonio material.


2.- Proceder a un acordo co Instituto «José Cornide» para a organización dalgún concerto público no templo, aproveitando as posibilidades que o órgano segue conservando na actualidade, a pesar dos seus puntuais defectos, para a difusión da música e para espertar o interese xeral pola súa recuperación.


A Coruña, 21 de abril de 2025


assinatura

Margarita Viso Soto

Numeraria do Instituto


assinatura e selo

Ana Romero Masiá

Directora



コメント


bottom of page